lunes, 29 de noviembre de 2010

Modelo de sesión (parte II)



2- UN CONTO : OSCAR


Tras a lectura do conto de Óscar



Plan de diálogo:

PACIENCIA (coxíns brandiños)
· Son os amigos pacientes como sofás que non se enfadan aínda que te tires encima? Pon exemplos.
· Teñen que ser perfectos os amigos e cumprir sempre os nosos desexos?
· Que sentes cando un amigo fai algo que non esperabas? Que fas?


SEGREDOS (esquinas secretas)
· Teñen que gardar os amigos os segredos que lles contamos? Por que?
· Gardar cousas é o mesmo que gardar palabras?
· Máis fácil ou máis difícil? Por que?
· E gardar sentimentos? Como se gardan? Onde se gardan? Por que?


PRESENZA (nunca se vai)
· Acompáñante os amigos cando estás alegre e alborotado?
· E cando estás triste e calado?
· E se estás furioso ou asustado?


AGASALLOS (agasallos de Nadal)
· É o mesmo regalar que intercambiar?
· É o mesmo dar que prestar?
· Que se espera que fagas en cada caso?


ALBOROTO (grita e chora sen parar)
· Algunha vez arrepentístesvos de dar algo e logo reclamástelo? Por que?
· Que pensades desta frase de Gianni Rodari: “as bágoas dun neno caprichoso pesan menos que o vento, pero as bágoas dun neno famento pesan máis que toda a Terra”
· Hai veces en que berramos e choramos por unha mala razón? Pon exemplos.
· Hai veces en que berramos e choramos por unha boa razón? Pon exemplos.

PALABRAS QUE DEFENDEN
· Óscar e Antón afrontan xuntos os conflitos e cando non poden, foxen xuntos. Adoita ocorrer isto cos amigos?
· Cando un amigo noso se mete nun problema, adoitamos desculpalo?
· Ás veces intentamos pasar a culpa a outro como fai Antón con Migeliño, o neno invisible e malvado?
· Hai ocasións en que non contamos “toda” a verdade para protexer a un amigo? Pon algún exemplo.
· É posible que ás veces esaxeremos o que nos fixeron e minimicemos o que fixemos nós para saír ben librados dun conflito? Facemos o mesmo cos amigos?

MOEDAS DE CHOCOLATE (compartir afeccións e gustos)
· Adoitas xogar aos mesmos xogos que os teus amigos? Pon exemplos.
· Adoitades compartir os xoguetes? Cales?
· A miúdo falades das comidas que máis vos gustan? E dos debuxos, as películas, os contos?...
· Falades tamén das cousas que non vos gustan?
· Agrádavos coñecer os gustos dos vosos amigos?
· Por que razón podería ser importante?
· Que outras cousas compartes cos amigos, ademais de palabras?


COUSAS BOAS QUE SAEN DE TI
Cando Antón cansa subindo unha costa, Óscar empúxao; cando nadan na praia non se afasta da beira, aínda que el xa sabe nadar, por non deixalo só; comparten portería e nas carreiras déixalle gañar...
Dalgún xeito, Óscar ponse no lugar do seu amigo.


Aínda que a un nivel precario, debido ao seu momento de “desenvolvemento moral”, Óscar practica a empatía con ANTÓN e parece que pensa que “ser amigo” implica que ten que haber cousas boas que saen de ti.


A EMPATÍA -Plan de diálogo:
· Cando intentas facer algo por primeira vez e non che sae. Como te sentes?
· Se o teu amigo/a se sobe á bici e cada vez que intenta manterse en equilibrio cae, como cres que se sente?
· A “profe” felicitoute porque fixeches moi ben un debuxo. Como te sentes?
· Á túa amiga danlle unha medalla por gañar unha carreira na festa de fin de curso. Como cres que se sente?
· A túa amiga intenta flotar na piscina, pero non o consegue. Uns nenos que a observan, búrlanse dela. Como cres que se sente? Como te sentirías ti?
· Mórreche a túa mascota preferida, unha tartaruga preciosa. Como te sentes?
· Á túa amiga desapareceulle a súa gatiña. Como cres que se sente?
· O teu irmán pequeno rompeuche un xoguete “á mantenta”. Como te sentes?
· Ao teu amigo puxéronlle “á mantenta” cola de pegar na mochila. Como cres que se sente?
· Que é máis doado, pensar como se pode sentir o teu amigo/a ou unha persoa que che importa menos?
· Por que unhas persoas nos importan máis e outras menos?
· Por que nos importan tanto os amigos?

E COUSAS BOAS QUE SAEN DEL
Parece que Óscar pensa que nisto das “boas accións” debe haber unha certa reciprocidade cando se trata de amigos.
Recoñece e agradece as cousas que Antón fai por el:
- Rirse para contaxialo e quitarlle as ganas de chorar.
- Ir rescatalo cando está castigado.
- Levarlle contos, xoguetes, pedras, paus e algún animaliño despistado...cando está maliño.
- Estar “aí” tanto se está triste coma se está contento?

Plan de diálogo:
- Imos pensar entre todos nas cousas que os amigos fan por nós. Poñamos exemplos.
- Que fan os nosos amigos cando estamos tristes?
- Que fan os nosos amigos cando estamos enfadados?
- Que fan os nosos amigos cando estamos avergoñados?
- Que fan os nosos amigos cando estamos alegres?
- Que fan os nosos amigos cando temos un problema?
- Que fan os nosos amigos cando nos ven facer algo malo?

No hay comentarios: